El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Antonio Llamas
Más noticias

CARRAL

Convocado o XXI Premio de Poesía Concello de Carral

09-01-2018 16:48:37
Valentín García (i) e José Luis Fernández Mouriño.

O secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García, e mais o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, presentaron hoxe en rolda de prensa as bases da XXI edición do Premio de Poesía Concello de Carral, un galardón que promove a creación literaria en lingua galega e que apoia a Consellería de Cultura, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura.

“Este premio, dos de maior prestixio no panorama literario galego, constitúe un compromiso decidido de Carral coa poesía escrita en galego e unha verdadeira oportunidade para os autores e autoras que apostan por forxar a súa carreira literaria da man da lingua propia de Galicia”, destacou o secretario xeral.

O premio está dotado con 2.500 euros e a publicación do traballo gañador na colección de poesía da Editorial Espiral Maior. O prazo de recepción de orixinais, que deben ter unha extensión mínima de 500 versos en lingua galega e estar escritos por un autor ou autora maior de idade de calquera nacionalidade, está aberto na Biblioteca Pública da localidade coruñesa ata o vindeiro 7 de abril. Premiados, na colección de poesía de Espiral Maior.

O Premio de Poesía Concello de Carral leva recoñecidos desde a súa creación, no ano 1997, un total de 19 autores e autoras que xa son imprescindibles no panorama literario galego e que, tal e como establecen as bases, viron as súas obras publicadas na colección de poesía da editorial Espiral Maior co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Integran esta nómina Fernando Díaz-Castroverde (Camiño de píntegas, 1998), Rafael Lema (Atlántida, 2000), Rafa Vilar (Días de Sherezade, 2001), Lucía Novás (Epiderme de estío, 2002), Baldo Ramos (A árbore da cegueira, 2003), Eduardo Estévez (Derrotas, 2004), Xurxo Alonso (Breviario de Aldemunde, 2005), Marcos S. Calveiro (Cartas do terceiro día, 2006), Isidro Novo (Esteiro de noites falecidas, 2007), Xosé Luís Mosquera Camba (Nadja c'est moi, 2008), Paulino Peña Álvarez (Gramática da afirmación, 2009), Eli Ríos (Nós escoitando o badalo en Marienplatz, 2010), Miro Villar (As crebas, 2011), Enma Pedreira (Libro das mentiras, 2012), Roi Vidal (Teatro, 2013), Dores Tembrás (Cronoloxía da urxencia, 2014), Oriana Méndez (O que precede á caída é branco, 2015), Eva Veiga (Soño é vértice, 2016) e Modesto Fraga (Devalar sen pel, 2017).

En maio está prevista a entrega do premio e a presentación da obra galardoada na edición anterior, Das árbores tropicais e do amor, de Xosé Luís Mosquera Camba.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias