El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Antonio Llamas
Más noticias

UNIVERSIDADE | USC

Julián Álvarez Escudero, novo decano de Medicina e Odontoloxía

11-01-2018 18:42:02
O reitor e o novo decano.

Santiago de Compostela.- O catedrático Julián Álvarez Escudero tomou posesión hoxe do seu cargo como decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía logo da súa elección o pasado mes de outubro. A toma de posesión celebrouse no transcurso dun acto protocolario presidido polo reitor Juan Viaño en San Xerome coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e das conselleiras de Mar e Medio Rural, Rosa Quinta e Ángeles Vázquez, respectivamente, así como a xerenta do Complexo Hospitalario de Santiago, Eloína Núñez, entre outras autoridades, e un moi destacado número de integrantes do cadro de persoal da Facultade.    

Sucedendo no cargo ao profesor Juan Gestal, o catedrático de Anestesioloxía e Reanimación Julián Álvarez Escuderoensalzou algúns dos trazos que converten á Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC nunha “referencia ineludible na medicina galega e española”. A capacidade para impartir docencia, desenvolver investigación e prestar servizos asistencias súmanse a un “compromiso demostrado coa investigación e a innovación, e cunha crecente orientación cara ás necesidades do estudante, do paciente e da sociedade”, asegurou o decano ao aludir ás principais fortalezas do centro.    

O novo decano considera imperativo un plan integral para o mantemento da Odontoloxía e da Medicina e un plan galego de formación de graduados nestas dúas disciplinas que debería contemplar as necesidades reais dos/as profesionais da Medicina e a Odontoloxía que terá Galicia nos próximos anos. Tamén chamou a atención sobre a perda dunha xeración de profesores e investigadores o que na súa opinión mingua a capacidade de influír na evolución do coñecemento neste área.    

O profesor Álvarez Escudero é un “exemplo de talento” cunha ampla produción científica que atrae grandes eventos nacionais e internacionais, dixo na súa contestación o reitor Juan Viaño en relación ao novo decano de Medicina e Odontoloxía, un centro  que “atrae moitísimo talento no seu estudantado”, para con quen “temos a responsabilidade de formar aos mellores profesionais da sanidade do futuro da nosa comunidade, capaces de avanzar e facer que nosa saúde e benestar mellore pero, sobre todo, que practiquen a medicina coa humanidade precisa”.    

“Somos conscientes –engadiu Viaño- de que para proporcionar unha formación de vangarda é preciso dispoñer de medios materiais e humanos, de recursos e servizos e de talento docente e investigador”. Respecto dos recursos humanos, o reitor da USC lembrou a vixencia dun convenio asinado coa Xunta para a creación e financiamento de doce prazas de profesorado asociado LOU que se irán transformando ata 2021 en prazas de contratado doutor ou titular con praza asistencial vinculada. Neste mesmo capítulo, nos últimos catros anos realizáronse 85 concursos de renovación e creación de prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde, así como a consolidación de catro prazas de asociado LOU, dúas titularidades e un posto de contratado doutor.   

En relación aos recursos materiais, o reitor aludiu ás novas instalacións do complexo dotacional de Ciencias da Saúde, “proxecto que contempla un investimento próximo aos 40 millóns de euros froito da colaboración institucional das consellarías de Sanidade; Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e Facenda así como do Concello de Santiago”. Será a este equipo decanal a quen corresponde supervisar que a materialización do proxecto responda ás “necesidades dun centro propio do século XXI”.


Equipo decanal

Completan o equipo decanal os profesores José Martín Carreira Villamor como vicedecano de Docencia Clínica e Jacobo LimeresPosse como vicedecano de Odontoloxía, e as profesoras Ángela J. Torres Iglesias en calidade de vicedecana de Intercambios, Calidade e Innovación Docente e María Teresa Castaño Oreja como secretaria do centro.


Álvarez Escudero

Ata a actualidade director do Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas, o catedrático Julián Álvarez Escudero é xefe do Servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Tratamento da Dor do Complexo Hospistalario Universitario de Santiago, ademais de presidente da Sociedade Española de Anestesioloxía, Reanimación e Terapéutica da Dor así como da Comisión Nacional da Especialidade. Departamento de comunicación





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias