El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Piñeiro Docampo
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Premio Luísa Villalta impulsa o I Festival Metropolitano "Elas son Artistas"

10-04-2018 17:33:20
Presentado o I Festival Metropolitano.

A Coruña.- As áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña presentaron hoxe, na compaña das persoas organizadoras e representantes municipais de sete concellos da área metropolitana da Coruña, o I Festival Metropolitano pola igualdade “Elas son Artistas”, un dos dez proxectos premiados na primeira edición do Concurso de Ideas pola Igualdade Luísa Villalta, que promove a institución provincial.

Concertos de música, teatro, poesía, danza, pintura e xornadas de debate son algúns dos eventos programados para o I Festival Metropolitano pola Igualdade “Elas son Artistas”, que entre os días 31 de maio e 6 xuño, se desenvolverá nos concellos de A Coruña, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada e Arteixo.

Durante o acto de presentación, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, subliñou a relevancia que ten este festival pois na meirande parte das ocasións “o talento e os proxectos ideados por mulleres teñen que enfrontarse a desigualdade e a falta de visibilidade”.

Goretti Sanmartín incidiu en que “este festival debe marcar unha importante pegada na aposta pola Igualdade”, e agarda que no futuro o proxecto se expanda “até achegar a Cultura a toda a poboación”, un dos obxectivos trabe da área que dirixe de acordo ao lema que defende “A Cultura é un dereito”.

Nesta mesma liña, a deputada de Igualdade, Ánxela Franco, parabenizou aos organizadores do festival e os concellos participantes, asegurando que “co esforzo de todos acadaremos unha Igualdade real”,  apostando porque este proxecto “faga medrar a rede” e a Cultura chegue até os 93 concellos da provincia.

Pola súa banda, a directora do Festival “Elas son artistas”, Yolanda Villa, subliñou a calidade que posúe o cartel do festival, ao tempo que agradeceu a área de Cultura da Deputación da Coruña a creación de premios como o Luísa Villalta, asegurando que sen a achega económica do mesmo “sería imposible levar a cabo o proxecto”.

Ademais, indicou que na cidade herculina as actuacións concentraranse en diferentes emprazamentos, como son o Teatro Colón, a sala Garufa, a Mardi grass ou o Filloa Jazz. 

O director artístico de “Elas son Artistas”, Tomi Legido, puxo o foco na grande variedade musical que posúe o festival e o seu carácter internacional, pois, xunto co talento das artistas locais, o domingo 6 xuño, a artista guatemalteca Rebeca Lane será a encargada de pechar a primeira edición do certame metropolitano. 

Finalmente, a responsable de comunicación, Bea Camiña, anunciou que dende o vindeiro día 20 de abril xa estarán a venta as entradas e os abonos para asistir aos diferentes espectáculos programados no Festival. Unhas actuacións para as que se artellará un servizo de transporte específico co obxectivo de que ningunha persoa se perda os eventos por mor da distancia entre concellos.

A programación do Festival “Elas son Artistas” está integrado por un  total de 15 espectáculos - 8 deles completamente de balde- , que se desenvolverán nos concellos de A Coruña, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada e Arteixo e nos que a creación cultural feminina será a grande protagonista.

Nastasia Zürcher, Ana Li, Silvia Penide, Marian Ledesma, Las Antonias, Carla López, a compañía teatral A Panadaría, Aldaolado, Blues do País, Ele, Femino Plural,  Berta Bittersweet ou Rebeca Lane son algunhas das artistas que participarán na primeira edición dun certame que reivindica a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres  e que ten por obxecto impulsar a visibilidade do seu talento e creacións. Departamento de comunicación





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias