El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Piñeiro Docampo
Sociedad

A Biblioteca de Galicia achégase á arte galega do século XX

27-07-2018 13:09:14

A Biblioteca de Galicia achégase á arte galega do século XX cunha selección de autógrafos da colección ABANCA. Faino a través da exposición temporal As escrituras dos artistas. Autógrafos de pintores galegos na colección ABANCA, que se exhibe desde hoxe e ata o vindeiro 27 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia.

Entre os artistas que centran a exposición atópanse o polifacético Castelao, Fernando Álvarez de Sotomayor, Manuel Abelenda, Francisco Lloréns, Germán Taibo, Carlos Sobrino Buhigas, María del Carmen e Ánxel Corredoyra, Seijo Rubio, os gravadores Castro Gil e Prieto Nespereira, o xilógrafo Enrique Mayer, o ilustrador e pintor Sesto López ou o debuxante e tamén ilustrador e publicista Federico Ribas.

Xunto aos 21 autógrafos dos 18 artistas arredor dos que xira a mostra, pódense ver algunhas obras da colección artística que posúe ABANCA sobre estes autores. É o caso de dous debuxos e tres óleos de Manuel Abelenda; dun busto do músico Manuel Quiroga, da autoría de Asorey, de dúas acuarelas de Sobrino Buhigas, e catro debuxos de Castelao. Deste xeito, a nova exposición temporal da Biblioteca de Galicia dialoga coa mosta Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación, que se pode ver actualmente no Museo Centro Gaiás.


Visita guiada pola mostra

Os autógrafos compleméntanse con publicacións e gravados procedentes dos fondos da Biblioteca de Galicia, o que suman máis de 100 pezas polas que se realizará unha visita guiada esta tarde, ás 18:00 horas, a cargo do comisario, Daniel Buján, no marco do acto de inauguración da exposición, no que participarán o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e o xerente de Responsabilidade Social Corporativa ABANCA, Fernando Filgueiras.


Unha colección de autógrafos de máis de 250 autores

A colección bibliográfica de ABANCA está depositada na Biblioteca de Galicia desde hai cinco anos, durante os que a Secretaría Xeral de Cultura, a través da Biblioteca de Galicia, levou a cabo diversas exposicións sobre este legado, así como un importante labor de dixitalización para poñer ao dispor da cidadanía o seu patrimonio a través de Galiciana.

Nesta ocasión, a mostra non se centra no fondo bibliográfico, do que xa se exhibiron importantes obras, senón na súa colección de autógrafos, esencialmente de autores galegos, que está depositada xunto cos fondos antigos e unha colección de libros de economía.

A colección na que se basea a mostra, e que agora se dá á luz pública por vez primeira, conta con autógrafos de 256 autores e máis de medio milleiro de documentos. Nela inclúense notables de todos os ámbitos, das artes plásticas, da arquitectura, da música, das letras, da política, da medicina, da docencia, do galeguismo etc. Esta representación documental incide en autógrafos da primeira metade do século XX, de forma que no seu conxunto dá boa conta da Galicia dunha época fundamental do seu desenvolvemento e da toma de conciencia de si mesma.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias