El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Piñeiro Docampo
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación lanza a II edición de "Voando nas Rías Baixas"

05-01-2019 11:45:09
Presentado Voando nas Rías Baixas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do coordinador de SEO Birdlife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, presentou a segunda edición de “Voando nas Rías Baixas”, que achegará de xeito totalmente gratuíto ao público interesado a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. Como novidade,  tal e como asegurou Silva, “dado o éxito da primeira edición, que esgotou as prazas en canto se abría o prazo de inscrición,  este ano decidimos aumentar a oferta e organizar ata cinco rutas ornitolóxicas gratuítas, dúas máis que o ano pasado,  por espazos naturais como o esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, a enseada de San Simón, a reserva ornitolóxica do Grove, as Brañas de Xestoso e a Serra do Suído”.   

“Voando nas Rías Baixas” trátase dunha iniciativa impulsada en colaboración con SEO Birdlife, tal e como explicou Carmela Silva, enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. De feito, tal e como explicou a presidenta, “non podemos esquecer que o turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo”. Amais, a actividade tamén vai en liña con outra das liñas estratéxicas do Plan que formula a necesidade de necesidade de diversificar o turismo ao tempo que sensibiliza á cidadanía local sobre a preservación dos espazos naturais.   

“O noso obxectivo é apostar por un turismo máis amigable, máis respectuoso, que permita poñer en valor os recursos naturais, así como o desenvolvemento turístico e económico sostible en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves presentes nos mesmos”, destacou a presidenta. Neste mesmo eido incidiu Gustavo Ferreiro, que asegurou que o turismo ornitolóxico “é un excelente reclamo para iniciar á xente no goce da natureza e paraestender a necesidade de coidar os espazos naturais”.   

A primeira das rutas terá lugar o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres. O prazo de inscrición para esta ruta ábrese o vindeiro mércores, 9 de xaneiro e ata o día 15.   

A segunda das rutas terá lugar o 10 de febreiro para observar as aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón. O prazo de inscrición abrirase entre o 28 de xaneiro e o 5 de febreiro.   

O 3 de marzo terá lugar a ruta da reserva ornitolóxica do Grove, un espazo protexido pola Rede Natura declarado tamén humedal de importancia internacional, Zona de Especial Interese Comunitario e a reserva ornitolóxica máis grande de España. O prazo de inscrición para participar nesta ruta na que destacan as aves acuáticas invernantes estará aberto do 18 ao 26 de febreiro.   

A cuarta ruta desenvolverase o 19 de maio nas Brañas de Xestoso, zona declarada de Especial Conservación e protexida pola Rede Natura na que se concentran aves rapaces como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira. O prazo de inscrición entre o 6 e o 14 de maio.   

A quinta ruta terá lugar na Serra do Suído o 16 de xuño para observar as grandes rapaces como o voitre leonado, aguia calzada, abelleiro europeo, aguia cobreira ou miñato. Para participar nesta ruta ornitolóxica haberá que inscribirse entre o 3 e o 11 de xuño.   

A duración de cada unha das rutas de “Voando nas Rías Baixas” será dunha mañá. Durante a actividade,as e os participantes estarán acompañados/as de dúas persoas monitoras ornitólogas e terán á súa disposición de xeito gratuíto o material óptico, así como unha guía ornitolóxica.As e os interesadas/os en participar en cada unha das cinco propostas de “Voando nas Rías Baixas” deberán cubrir, no prazo indicado en cada unha das rutas, un formulario habilitado na páxina web da Deputación. A institución provincial habilitará, de xeito gratuíto e en función da demanda de cada unha das alternativas, o desprazamento para poder participar na actividade. Departamento de comunicación





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias