El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Piñeiro Docampo
Sociedad

GALICIA | INTERNET

Crece un 145% o uso da internet entre os galegos de 55 a 64 anos desde 2011

06-01-2019 11:52:32

A idade é un dos factores determinantes no uso da internet. En Galicia os maiores de 55 anos representan preto do 40% da poboación e nese punto márcase unha importante fenda no acceso á rede. De feito, a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44 anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que os que maiores de 55 non chegan ao 65%.

A pesar dos case 40 puntos de diferenza entre ambas as franxas de idade, no últimos sete anos esta fenda foise acurtando significativamente. Desde 2011, segundo datos do INE, o uso da internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de persoas de 65 a 75 anos que navegan por internet, que por primeira vez supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%.

Para algunhas persoas, maioritariamente entre os 16 e os 34 anos o uso da internet é inherente á súa dinámica habitual. Fóra desa franxa de idade a convivencia con nenos en idade escolar ou mozas tamén facilita o achegamento á tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16 anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.


Formación e divulgación

Achegar a tecnoloxía ás persoas que están fóra desas franxas de idade e sen convivencia con nenos é un dos obxectivos da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnóloxica (CeMIT), que abriu as súas portas en 2011. Con máis de 320.000 horas de formación impartidas nestes sete anos a rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento e conta co apoio dos 800 aliados dixitais adheridos ao plan entre empresas, entidades públicas e privadas e voluntarios.

Os usuarios da Rede poden acceder ao seu Plan de Formación, presencial ou a través da plataforma de teleformación. Ademais, as aulas desenvolven campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

A rede CeMIT está integrada por preto 100 aulas (98 exactamente) repartidas en 92 concellos presentes en todas as comarcas que ofrecen formación en TIC pública e gratuíta. Actualmente conta con máis de 81.000 usuarios dos cales 20.400 teñen máis de 55 anos.


Obxectivos CeMIT 2019

O obxectivo final da Rede CeMIT é acadar que a cidadanía acceda ao mundo dixital, e dotar aos galegos e galegas das capacidades e habilidades dixitais necesarias para facer pleno uso das TIC e aumentar a súa calidade de vida, a empregabilidade, a inserción social e a innovación social dixital.

Dado o bo resultado acadado en 2018, coa colaboración dos máis de 800 aliados dixitais, a Xunta busca en 2019 continuar garantindo e ampliando a capilaridade e universalidade destes servizos de capacitación dixital promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para acadar unha maior variedade de temáticas e actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego.

Concretamente, en 2019 está previsto que a Rede imparta máis de 35.000 horas formativas no eido dixital e acade os 88.000 usuarios e usuarias.

Tamén fomentarase a certificación de competencias dixitais e o desenvolvemento de actividades como o uso seguro da rede, o manexo da administración electrónica, a robótica e programación ou o pilotaxe de drons.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias