El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Piñeiro Docampo
José Antonio López Rodríguez
Deportes

GALICIA | DEPORTISTAS DE ALTO NIVEL

O Diario Oficial de Galicia publica a nova lista de deportistas de alto nivel

05-04-2019 18:47:29

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do 25 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en novembro de 2018, así como as solicitudes desestimadas e a causa

Nesta nova resolución recoñécense a 95 novos deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en novembro de 2018 (34 mulleres, 61 homes e 4 deportistas con discapacidade) que se suman á lista de 308 deportistas galegos de alto nivel recoñecidos en anteriores convocatorias (122 mulleres, 186 homes e 6 deportistas con discapacidade).

No momento actual Galicia conta con 403 deportistas galegos de alto nivel (156 mulleres e 247 homes), dos que 10 (8 homes e 2 mulleres) son deportistas con discapacidade, o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel, o 2004. 

Ademais, cómpre salientar que hai un total de 105 deportistas non recoñecidos dos que 87 o son por non cumprir o criterio deportivo que figura no anexo I da Orde do 30 de maio de 2005 pola que se establecen os criterios para recoñecemento dos deportistas galegos de alto nivel, en desenvolvemento do Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro; 6 por estar xa recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel e outros 12 por non cumprir trámite administrativo e fóra de prazo.  


Decreto do Deporte de Alto Nivel de Galicia 

Tal e como avanzou o secretario xeral para o Deporte no Parlamento de Galicia, o decreto de alto nivel verá a luz no vindeiro trimestre do ano e neste decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que “será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”. 

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa traballando no decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias