El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Piñeiro Docampo
José Antonio López Rodríguez
Sociedad

GALICIA

Identificados dous valiosos manuscritos do século XIII de Bernardo de Brihuega

14-04-2019 12:17:56
Manuscritos do século XIII.

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) garda na súa colección de pergameos un valioso manuscrito, recentemente identificado, da obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega, estreito colaborador do rei Afonso X (1252-84). Trátase de dous fragmentos –un bifolio e unha folla solta– en castelán das Vidas y pasiones de los Apóstoles, datables a finais do século XIII ou comezos do XIV, que constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra, da que até agora só se coñecían algunhas copias tardías (desde segunda metade do XIV até comezos do XVI) en latín, castelán e portugués.

Os fragmentos en cuestión teñen o valor engadido de pertenceren a un códice haxiográfico moi coidado, seguramente de procedencia rexia, en que se copiaría a tradución castelá íntegra do libro II de Bernardo de Brihuega sobre a vida e as paixóns dos apóstolos. Neste caso, o contido conservado nos dous fragmentos correspóndese con varios capítulos da vida e paixón de Santo Tomás, San Marcos e San Andrés. 

É moi relevante, ademais, que o bifolio fora reutilizado como capa dun libro de apeo dos bens do convento feminino de Santa Clara de Allariz, único mosteiro galego de fundación real, pois permite reconstruír o itinerario cultural do códice desde a corte castelá até o territorio galego e a súa eventual difusión ao reino portugués nas primeiras décadas do século XIV. 

A colección haxiográfica de Bernardo de Brihuega, compilada baixo o mecenado do rei Sabio, estaba composta por cinco libros sobre a historia da Salvación e dos seus protagonistas a partir do Novo Testamento: a vida de Xesús e de Santa María (libro I), as vidas e paixóns dos apóstolos (libro II), as paixóns dos mártires (libro III), as vidas dos confesores (libro IV) e as vidas das virxes (libro V).   


Fonte principal da 'General estoria'  

A tradución desta obra ao castelán, realizada polo propio de Brihuega, ademais de circular como unha obra independente, como demostra o fragmento do AHPOu, tería sido empregada como fonte principal para a composición dalgunhas seccións da compilación universal de Afonso X, a General estoria. Desde finais do século XIII e durante as centurias seguintes, a obra vernácula de Brihuega tería sido difundida e traducida no Occidente peninsular, como demostra o fragmento do AHPOu e as diferentes versións portuguesas hoxe conservadas. 

Os fragmentos do AHPOu foran descritos nun principio por Antonio Odriozola como parte da General estoria, mais o recente estudo de Ricardo Pichel (Universidade de Alcalá), quen prepara actualmente unha edición e estudo completo do manuscrito, permitiu identificalos coa obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega e afinar a súa datación a cabalo dos séculos XII e XIV. Pódese ler unha primeira aproximación ao estudo dos fragmentos nesta páxina web TextoR do Grupo de Investigación Textos para a Historia do Español da Universidade de Alcalá


Centro dependente da Xunta  

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dependente da Consellería e Cultura e Turismo, é un institución cultural de titularidade estatal e xestión transferida. Nos cinco quilómetros lineais de andeis dos seus depósitos custodia 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada. O Arquivo ten a súa sede no antigo palacio episcopal, onde presta servizo a toda clase de usuarios, que acoden a el por motivos administrativos, de investigación histórica ou culturais.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias