El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Sociedad

GALICIA

Sete centros educativos acadan os Premios a Proxectos de Formación Permanente do Profesorado

05-11-2017 12:32:37

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a relación provisional de centros galardoados cos Premios a Proxectos de Formación Permanente do Profesorado 2017, dirixidos aos centros docentes que participaron neste tipo de plans en centros educativos públicos no curso escolar 2016/17.

En concreto, os centros premiados son, pola provincia da Coruña, os CEIPs Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Barrié de la Maza (Santa Comba) e Plurilingüe O Ramo (Fene). Na provincia de Lugo acadou o galardón o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo); na de Ourense o CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio (Vilar de Barrio); e na de Pontevedra o IES de Sanxenxo (Sanxenxo) e o Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán).

Cada un dos centros galardoados obterá unha asignación extraordinaria de 2000€ sobre o concedido para o desenvolvemento do Plan de Formación Permanente do Profesorado. Así mesmo, concédese unha mención especial aos mellores proxectos de formación de entre os premiados (CEIP Plurilingüe O Ramo e IES de Sanxenxo), consistente nunha asignación extraordinaria de 1000€.

Para a concesión dos premios valorouse o contido innovador e transferibilidade do proxecto, os recursos tecnolóxicos utilizados, o traballo multidisciplinar e en equipo, o grao de implicación da comunidade educativa, os recursos aportados á comunidade e o desenvolvemento das competencias profesionais docentes a través destes proxectos. Así mesmo, tívose en conta a existencia dun sistema de avaliacións relativo á implantación e desenvolvemento do proxecto e o nivel de logro acadado.

O obxectivo desta convocatoria é valorar a participación de grupos de docentes en proxectos de formación en centros que afecten cualitativamente ao ámbito organizativo e de xestión dos centros, á contorna familiar e institucional ou á elaboración e uso de recursos multimedia interactivos, que promovan novas formas de pensar, novas formas de traballar e novas ferramentas de traballo.

Deste xeito, preténdese dar recoñecemento ás boas prácticas na formación permanente do profesorado e fomentar que os centros docentes desenvolvan, a través destes plans, aqueles aspectos que permitan a actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias