El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
María José Navarro
Sociedad

GALICIA

Ángeles Vázquez: "A xestión da vaga de lumes fíxose seguindo os criterios técnicos"

08-11-2017 20:04:17

"A Xunta traballou antes, durante e despois da vaga de lumes con medidas serias e rigorosas para facerlle fronte. Houbo previsión, tendo en conta as condicións meteorolóxicas de cada momento e as predicións a curto e medio prazo. Actuouse mentres durou a vaga, cun dispositivo nunca mobilizado ata o momento nun mes de outubro e reaccionouse inmediatamente despois, en tempo récord, con axudas e actuacións para repoñer os danos causados". Así o explicou hoxe no Parlamento a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en resposta a unha interpelación sobre este tema. Defendeu a claridade e transparencia coas que traballou en todo momento o Goberno galego, puxo en valor os criterios técnicos cos que se actuou e resumiu o traballo realizado insistindo en que a situación á que se fixo fronte foi extrema.

En relación coas responsabilidades na prevención dos lumes, dixo que “todos temos obrigas”, incluídas as diferentes administracións –nomeadamente os concellos– e os propietarios forestais. Neste sentido, sinalou que a Xunta traballará para fomentar que todos os municipios conten con brigadas contra o lume e que se algún non as ten agora “é porque non as quixo”, porque Medio Rural achega 33 millóns de euros en tres anos para contribuír a financialas. Apelou ao diálogo e á tolerancia cero cos incendiarios para facer fronte a este problema e neste mesmo sentido fixo un chamamento á unidade de todos os grupos políticos e da sociedade galega en xeral para a mesma fin.

Na súa intervención, a conselleira insistiu en que os 5.600 efectivos mobilizados durante a vaga tiveron que facer fronte non só ao lume, senón tamén ás altas temperaturas, os ventos furacanados e a falta de visibilidade que isto provocaba. Pero –remarcou– tiveron que loitar ademais contra un “convidado non desexado, o incendiario, un terrorista que non dubida en poñer en perigo a vida das persoas”. Por iso Ángeles Vázquez puxo en valor, unha vez máis, o traballo dos integrantes do operativo anti lumes, que volveu agradecer, especialmente por ter que afrontar situacións como as que se deron o domingo 15 de outubro, no que se rexistraron ata 68 novos lumes dende as seis da tarde ata as 12 da noite.


Medidas previas

En relación cos días previos á vaga de incendios, a conselleira subliñou que se foron adoptando progresivamente medidas de ampliación do dispositivo, consonte ás previsións meteorolóxicas adversas. Isto permitiu a incorporación, tamén progresiva, de efectivos humanos e materiais (incluídos medios aéreos extra) que se fixo efectiva antes da fin de semana do 14 e o 15 de outubro.

Mesmo, explicou, o venres día 13 declarouse a situación de emerxencia, que implicou, entre outras medidas o reforzo do dispositivo con medios do Estado, incluída a Unidade Militar de Emerxencias. En relación co acontecido durante a vaga de lumes, a titular de Medio Rural lembrou que se conxugaron toda unha serie de fenómenos climatolóxicos adversos, excepcionais nun período tan curto de tempo e nun mes de outubro que se combinaron cunha elevada actividade incendiaria.

Por último, a conselleira sinalou que no momento inmediatamente posterior á vaga o Goberno galego actuou poñendo a disposición dos afectados axudas por un valor inicial de 20 millóns de euros. Trátase, indicou, de achegas para as persoas afectadas, para as vivendas e para os concellos. Entre elas, Ángeles Vázquez fixo especial fincapé nos fondos xestionados polo seu departamento para reparar os danos en infraestruturas e explotacións, así como para sufragar os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e astelado da madeira queimada non comercial.


Pastoreo e axudas da PAC

A conselleira relatou tamén outras medidas adoptadas, tales como a de permitir excepcións á prohibición de pastoreo en montes ou terreos forestais afectados por incendios, as xestións para que a PAC non exclúa dos pagos determinados pastos afectados polos lumes, as axudas para minimizar os efectos da seca ou os sete millóns de euros para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas.

Engadiu que a Xunta non se vai limitar a axudas conxunturais, senón que aplicou xa outras medidas, como a de orientar o Plan Aprol Rural aos concellos que contraten persoal dedicado ás tarefas de silvicultura, limpeza dos montes ou outras tarefas de valorización forestal. Tamén se poñerá en marcha un Programa Mixto para tratamentos silvícolas e xestión da biomasa en montes veciñais en man común e de particulares asociados. Ademais, anunciou que este mes está previsto que se aproben as axudas do Goberno central e vaise solicitar o Fondo de Solidariedade da Unión Europea, que foi creado para intervir en casos de catástrofes naturais graves.

A conselleira reafirmou tamén na súa intervención a aposta da Xunta polo sector forestal, que se pon de manifesto ao destinarlle, nos orzamentos de 2018, un total 200 millóns de euros. Deles, 180 estarán dirixidos a valorización, prevención e defensa dos montes, remarcou. 





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias